20 casos de boas prácticas na economía social: así son as empresas e entidades da 'Cata de ideas empresariais' do Proxecto LACES

20 casos de boas prácticas na economía social: así son as empresas e entidades da 'Cata de ideas empresariais' do Proxecto LACES

Nova 2

O Proxecto LACES vén de iniciar a mostra “Cata de ideas empresariais no sector da economía social”, que realizará 16 exposicións itinerantes por Galicia e o norte de Portugal para divulgar casos de boas prácticas de entidades e empresas de economía social.

Cada exposición achega a experiencia de 20 empresas e entidades, nas que as súas persoas promotoras contan en que consisten e por que son un exemplo de compromiso coa contorna a través da economía social. Neste artigo coñecemos, unha a unha, as entidades protagonistas da mostra.

Aixiña

É un centro especial de emprego creado cun dobre obxectivo: integrar laboralmente as persoas con discapacidade e contar cunha fonte de autofinanciación propia para manter e ampliar a actividade social da asociación Aixiña. Desenvolve servizos de cátering , restauración e cafetería e leva a cabo traballos de artesanía en pedra e madeira, gravación e montaxe de trofeos, clasificación de perchas, montaxe de estores e rieles. Conta tamén cunha tenda artesá.

 

Banco Portugués de Germoplasma Vexetal

É o maior e máis antigo banco de sementes da flora portuguesa. Posúe na súa colección preto de 45.000 mostras de variedades vexetais. A súa actividade inclúe a recolección, conservación, documentación e posta en valor dos recursos xenéticos, asegurando a diversidade biolóxica e a protección agrícola sustentable actual e futura.

 

Cooperativa de Apoio á Integração do Deficiente (CAID)

É unha cooperativa de apoio á integración das persoas con capacidades diferentes. Creada en 1998 agrupando un conxunto de entidades e empresarios do municipio portugués de Santo Tirso, pretende ser unha entidade de referencia no campo de axuda á discapacidade.

Promove a inclusión social, profesional e ocupacional de persoas con discapacidades a través da rehabilitación, emprego, educación e formación socioprofesional, buscando mellorar a súa calidade de vida e a súa satisfacción persoal e familiar.

 

Casa Grande de Xanceda

É a maior produtora de leite ecolóxico de Galicia, que ocupa a 40 persoas. Dedícase á produción e comercialización de produtos lácteos ecolóxicos e ten un firme compromiso coa difusión da agricultura ecolóxica a través de visitas ás súas instalacións e tamén coa biodiversidade.

 

Color ADD

Miguel Neiva creou unha nova linguaxe, o código ColorADD, un sistema gráfico de identificación das cores concibido para as persoas que padecen daltonismo, que pode ser aplicado en innumerables campos. A impresión deste código en calquera produto ou lugar fai posible que as persoas daltónicas poidan distinguir as cores permitindo a súa plena integración.

 

Conservatorio Histórico de Santiago

Sociedade cooperativa dedicada ao ensino musical para alumnado de todas as idades e impartido en varios formatos. O Conservatorio Histórico de Santiago, Soc. Coop. Galega embarcouse, ademais, en diversos proxectos fóra do seu centro, levando a música aos colexios, achegando os valores cooperativos e as habilidades sociais aos nenos e nenas dunha maneira divertida e sempre a través da música como fío condutor.

 

Lugar da Veiga

Sociedade laboral dedicada en exclusiva á elaboración de “galletas mariñeiras” de produción ecolóxica. Lugar da Veiga SLL fixo unha firme aposta pola economía social cun proxecto de actividade agroalimentaria baseado na produción responsable. Na actualidade, tras o éxito do seu produto en Portugal, atópase inmersa nun plan de expansión internacional. No ano 2018 foi incluída nunha publicación especial do Financial Times entre as mil empresas europeas con máis crecemento no período 2014-2016.

 

Cormo Integral

Empresa de inserción laboral especializada en xardinería, forma parte dunha iniciativa social: axudar a que persoas en situación de risco de exclusión social teñan a oportunidade de formarse e incorporarse ao mundo laboral. EIL Cormo Integral, SLU ten un índice de reinserción laboral arredor do 72%.

 

EKUI

É unha empresa que aposta por un modelo de negocio social e que desenvolve a EKUI, unha nova metodoloxía de alfabetización e rehabilitación inclusiva, a única no mundo que combina catro formas de comunicación: gráfica, braille, linguaxe de xestos e alfabeto fonético. A súa misión é axudar a eliminar as barreiras de comunicación entre as persoas, promovendo a equidade no acceso a bens e servizos nas áreas da educación e a saúde.

 

FabSpace

Cooperativa sen ánimo de lucro dedicada fundamentalmente a dar a coñecer as novas tecnoloxías á sociedade. É, ante todo, un laboratorio de creación dixital, pero non só iso, senón que tamén se centra na formación e no fomento de novas tecnoloxías para reducir a fenda dixital. Fabspace Soc. Coop. Galega dedica un espazo á fabricación de prototipos de diferentes tecnoloxías (impresión 3D, corte con láser ou electrónica) e ademais realiza talleres, charlas, café labs ou workshops. Esta cooperativa é a impulsora do Fablab Vigo.

 

Fisiotrimtrim

É un proxecto de fisioterapia pediátrica cuxo principal obxectivo é levar coidados de saúde ao contexto da infancia en colaboración con pais e educadores. A súa visión empresarial persegue fundamentalmente a promoción dun desenvolvemento infantil saudable e pretende converterse nunha empresa de referencia na área da saúde pediátrica.

 

Fruta Feia

Cooperativa de consumo que compra aos produtores locais produtos que serían rexeitados no mercado habitual debido á súa aparencia. Semanalmente recóllense as hortalizas e froitas a 157 produtores da rexión e prepáranse cestas que logo se entregan aos consumidores asociados de Froita Feia CRL. Este proxecto busca crear un mercado alternativo para froitas e hortalizas “feas” que consiga alterar patróns de consumo.

 

Martín Códax

Con presenza en máis de corenta países, o albariño está considerado hoxe como unha das mellores variedades de branco do mundo e Martín Códax, Soc. Coop. Galega converteu a súa adega nun emblema dos viños galegos. Fomenta os valores cooperativos e da economía social a través do seu compromiso coa contorna e o medioambiente buscando sempre a sustentabilidade e garantindo a trazabilidade.

 

Nor Rubber

Sociedade anónima laboral dedicada á fabricación de artigos de caucho de grandes dimensións para empresas e industrias do sector naval, químico e mineiro, así como de apoios para pontes de autovías, autoestradas e portos. Todas as súas accións, xestión e produción de Norruber, SAL están marcadas por uns estritos controis de calidade e sempre en concordancia coa filosofía da economía social.

 

Oficina Agrícola (Santa Casa da Misericórdia de Boticas)

Integrada nas entidades ocupacionais, a Oficina Agrícola iniciouse como un proxecto da Santa Casa de Misericórdia de Boticas e cuxa finalidade era a inserción no mercado de traballo de mozos con discapacidade intelectual. O seu éxito permitiu a continuación do proxecto. Os usuarios adquiren experiencias e competencias que están baseadas na integración final na sociedade e non na produción, o que reverte positivamente na súa realización persoal e no seu equilibrio emocional.

 

PROVE

PROVE é unha metodoloxía (asociada a unha marca co mesmo nome) que é levada a cabo localmente por diversas entidades, implicando técnicos, produtores e consumidores mediante tecnoloxías de información e comunicación. Desenvolve, entre outras, accións de apoio a proxectos con impacto económico, social e cultural, fundamentalmente no ámbito de actividades agrícolas e artesanía de tradición local.

 

5ª Lóxica

Proxecto familiar de desenvolvemento local baseado na integración da súa actividade produtiva, a capricultura extensiva, na preservación e xestión de bens culturais e ambientais. Xorde da necesidade dunha xestión sustentable do ecosistema. O manexo dos rabaños de cabras contribúe á prevención de incendios e á xestión da paisaxe e a biodiversidade. Así mesmo, apostan pola multifuncionalidade (turismo de natureza e educación ambiental) e polo fortalecemento da relación produtor-consumidor.

 

SAD – Santa Casa da Misericórdia de Arcos de Valdevez

Presta coidados individualizados no domicilio a usuarios e familias, cando por motivos de enfermidade, incapacidade ou outro impedimento, non poidan, temporal ou permanentemente, cubrir as súas necesidades básicas e/ou actividades da vida diaria. A entidade presta apoio domiciliario a 63 usuarios.

 

Tres Fuciños

É unha sociedade cooperativa agraria de pequenos produtores de “porco celta”, o porco autóctono galego, dedicada fundamentalmente á súa cría en liberdade e semiliberdade. As explotacións que participan en Tres Fuciños, Soc. Coop. Galega atópanse distribuídas por toda Galicia e funcionan como unha rede que lles permite dispoñer de medios e pautas comúns e, ademais de aproveitar os recursos locais específicos de cada zona. A súa premisa empresarial é a cría de animais alimentados só con produtos autóctonos, conseguindo así un produto de proximidade ecolóxico e sustentable.

 

Xeitura Xestión Integral do Patrimonio Cultural

Centrada na xestión integral do patrimonio cultural, a súa actividade relaciónase cos servizos culturais e de lecer, especialmente centrados nos ámbitos do turismo, o patrimonio e o desenvolvemento local. A fórmula cooperativa foi a elixida polos socios por considerar que traballaban cun ben común, o patrimonio, e conseguían xerar traballo e crear á vez un retorno á sociedade.