Amorote, un estudo de deseño e estampaxe artesanal con alma

Amorote, un estudo de deseño e estampaxe artesanal con alma

Nova 2

Amorote é unha historia de emprendemento que inspira a calquera persoa que estea pensando en lanzar o seu propio proxecto empresarial. A súa creadora, Sandra Rego, comezou desde o mesmo punto de partida que a maioría. Traballaba de deseñadora gráfica como asalariada, pero pasaba moitas horas fronte a un ordenador e botaba en falta facer algo coas mans. Dito doutra forma, facía o deseño, pero non vía como remataba o produto no que ese deseño se estampaba. Por tanto, procuraba unha forma de pechar o círculo.

Con esta idea en mente, realizou varios cursos nos que descubriu a serigrafía e buscou traballo nesta área. Así pasou a formar parte de dúas empresas como deseñadora gráfica e como axudante de técnico de serigrafía. Continuou formándose para ter títulos que corroboraran a súa experiencia. Seguiron chegando oportunidades laborais no eido da serigrafía, pero recoñece que todo era moi industrial e quería dedicarse a algo máis artesanal. Aí xurdiu Amorote.

Deseños con máis alma, o nacemento de Amorote

O obxectivo de Sandra era facer deseños con máis alma. A idea comezou a coller forma a finais de 2018 e en xaneiro deste ano iniciou todo o proceso de deseño e produción de produtos, antes de asistir a feiras a partir de marzo para probar a reacción da clientela potencial aos seus produtos. Precisamente unha das súas experiencias reais de venda foi no EsPopUp que o Proxecto LACES organizou en Ourense en xuño, onde entrou en contacto directo co público. “O teu público pídeche o que quere. De partida, teño un deseño e filosofía na cabeza, que logo adapto en función da demanda. Trátase de chegar a un punto intermedio, de equilibrio, entre os teus desexos e os da xente”.

A temática dos seus deseños está inspirada maiormente en Galicia (natureza, tradicións, cultura...). Precisamente isto este feito e a orixinalidade e calidade das súas creacións foron factores que influíron na concesión do título 'Artesá de Galicia', un recoñecemento que Sandra recibiu no mes de agosto.

Aínda segue na fase de probar diferentes deseños, algo que é inherente ao seu negocio, pero ten claro cal é unha das súas maiores fortalezas: o téxtil. Sandra explica que é o produto que, grazas ao compromiso dos seus provedores, máis respecta o medio ambiente e o comercio xusto, precisamente dous dos valores que quere que transmita a súa marca. Porén, na súa tenda en liña tamén ofrece outra gama de artigos para diversificar o seu público potencial, como complementos, produtos para o fogar, kits de estampado de selos, etc.

Equipo e colaboracións

Sandra é a principal impulsora de Amorote, pero actualmente conta coa colaboración dalgúns deseñadores galegos como Lorena de Azul do Atlántico e Ángel Ayude. Ademais, forma parte do equipo Ariadna como fotógrafa e Zoraida Sobrín como deseñadora téxtil.

Sobre o futuro, Sandra non para de darlle voltas, pero hai cousas que si ten claras. “Gustaríame vender o meu produto ao mesmo tempo que me dedico ao taller. A miña idea é vendelo e explicar cal é a súa orixe e o proceso de creación, para darlle un maior valor engadido”, sinala.

Actualmente está artellando unha colaboración con Beatriz Barril de Spacio B para impulsar un espazo de creativos galegos, co que ter máis visibilidade como profesionais, crear sinerxías, ampliar perspectivas e obter maiores beneficios como colectivo. “Este espazo de traballo colaborativo estaría situado en Santiago de Compostela e contaría con venda directa de produto artesanal e servizos profesionais, onde recibir asesoramento, crear eventos e defender os intereses da profesión, ademais de amosar en directo o traballo dos artesáns”, explica Sandra.

Participación na aceleradora ES-CONECTA

Amorote foi un dos proxectos que participou na aceleradora ES-CONECTA do Proxecto LACES, concretamente na edición organizada pola Universidade de Santiago de Compostela. Sandra indica que foi unha experiencia vital. “Serviu para coñecer todo un ecosistema emprendedor, que descoñecía porque procedía dunha familia de persoas asalariadas”, apunta. Sandra é consciente de que nun traballo que se converte na súa vida, pola implicación e o tempo que require, é relevante estar rodeada de xente con inquedanzas similares. A aceleradora tamén foi unha oportunidade para estruturar as súas ideas e prioridades e para algo que Sandra considera moi relevante: “saber pedir axuda”. Aínda que, polos resultados da súa curta pero intensa traxectoria emprendedora, parece que pouca axuda precisará.