Case a quinta parte das pemes e grandes empresas galegas desenvolve actividades innovadoras

Case a quinta parte das pemes e grandes empresas galegas desenvolve actividades innovadoras

Nova 2

Galicia sitúase entre as comunidades autónomas españolas que acollen un maior número de empresas innovadoras. Son máis de 1.500 empresas que contan con dez ou máis persoas traballadoras (é dicir, pemes e grandes empresas). Isto supón case a quinta parte das entidades con este volume de emprego. Só cinco autonomías superan a Galicia, a maioría moito máis poboadas, como Andalucía, Cataluña ou Madrid.

Do total de empresas, a maioría (1.207) son innovadoras de procesos de negocio e máis da metade (793) de produto. Máis de medio millar (565) innovan nos dous ámbitos.

Evolución positiva das actividades de I+D

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), estas empresas dedicaron 738 millóns de euros en 2018 a actividades de I+D. O informe tamén inclúe datos de por que as empresas deciden non investir en innovación e a causa principal é, para o 43,6%, a existencia doutras prioridades. O segundo factor máis relevante é o elevado custo (24,7%).

Con todo, a evolución é positiva e, no 2018, as empresas galegas destinaron máis de 590 millóns de euros a gastos internos de I+D, o que supón un incremento do 3,5% con respecto ao ano anterior. É o máximo volume de investimento acadado na serie histórica galega.

No conxunto do Estado, os gastos internos en I+D sitúanse preto dos 15.000 millóns de euros, o que coloca a Galicia no sétimo posto do ránking nacional en canto a investimentos.

Tipo de innovación tecnolóxica

Segundo a tipoloxía, o 18,5% desenvolveu algún tipo de innovación tecnolóxica durante o período 2016-2018, mentres que o 8,8% fixo innovacións non tecnolóxicas, é dicir, organizativas ou creativas, que están relacionadas directamente coa implantación da I+D.

Preto de unha de cada tres empresas mercou tecnoloxía xa coñecida pola empresa ou unha actualización da preexistente, mentres que o 7,5% adquiriu nova tecnoloxía. En ambos casos, Galicia supera os valores estatais.

Máis de 10.000 persoas en I+D

No emprego, en toda España estaban rexistradas 225.696 persoas traballadoras en I+D, adicadas a xornada completa; en Galicia son 10.631. A cifra de traballadores/as en I+D a xornada completa incrementouse no 2018 nun 3,6%, con 365 persoas empregadas máis.