A economía social intensifica a súa transformación dixital, cun aumento da oferta e da demanda de teleformación

A economía social intensifica a súa transformación dixital, cun aumento da oferta e da demanda de teleformación

Nova 2

A formación dixital, tanto en formato como en contido, é unha das ferramentas clave para sumarse á transformación que está experimentando a sociedade e a economía nos últimos anos e que, sobre todo, se vén intensificando desde o xurdimento da pandemia da covid-19.

O sector da economía social non é alleo a este proceso e as súas entidades e empresas en Galicia levan xa anos impulsando a formación en liña como unha forma de renovar coñecementos e habilidades en distintos campos, desde a creación de empresas, a aplicación de técnicas de traballo en equipo ou a asimilación de ferramentas de márketing dixital.

Impulso dixital do Proxecto LACES

O Proxecto LACES, do que forma parte a canle de Industria 4.0, desenvolveu diversas accións formativas para impulsar a dixitalización das empresas. Unha delas foi o curso en liña gratuíto na área da Economía Social e as Ferramentas TIC que se fixo baixo a coordinación da Unión de Cooperativas Espazocoop. O seu obxectivo era dar a coñecer e promover o manexo de ferramentas TIC e favorecer e mellorar a creación e consolidación de empresas de economía social.

Como indica Patane García, responsable de formación da entidade, a teleformación “permite o acceso e participación nas actividades formativas de persoas que, polas súas necesidades de conciliación, polo seu lugar de residencia ou polas súas quendas de traballo non poderían participar na formación presencial”.

Máis solicitudes de cursos en liña

No ano 2019 Espazocoop recibiu en total 699 solicitudes de participación nos cursos de teleformación, cantidade que, no que levamos de 2020, se incrementou ata as 815 solicitudes. “Para este ano mantiñamos inicialmente unha proposta similar na programación formativa de anos anteriores. Porén, a irrupción da covid-19 e as súas consecuencias obrigáronnos a reformular a programación e intensificar os cursos en liña”, explica Patane.

Coa mesma situación se atopou a Fundación CEL, outra das entidades con maior oferta de formación para o ámbito da economía social. O seu director xerente, Rodolfo Ojea, sinala que “a metade dos cursos para este sector que tiñan previstos para os meses de marzo e abril no marco da Rede Eusumo, tiveron que adiarse e reconverterse a formato online”. Ambos cursos estaban relacionados con técnicas de aplicación dixital, como é o uso da marca persoal na Rede e a utilización empresarial da canle YouTube.

Estes son só exemplos que amosan unha realidade máis ampla, pois no conxunto da Rede Eusumo realizáronse de xaneiro a agosto deste ano 26 cursos en liña para máis de 419 persoas, o que supón un incremento do 13% no número de cursos e do 57% en persoas participantes respecto do mesmo periodo do ano pasado. Desta oferta, a formación TIC tamén se incrementou e xa supera a cuarta parte de toda a actividade formativa. Os ámbitos de ensino son o márketing dixital, as ferramentas dixitais útiles para as entidades e as ferramentas tecnolóxicas para a economía social.

A necesidade dun posicionamento dixital

En canto a contidos dixitais, a Fundación ten unha ampla experiencia para a economía social. Destacan cursos de mercadotecnia en liña, uso empresarial das redes sociais e posicionamento orgánico e de pago (SEO e SEM). “Aínda que antes había maioría de cursos presenciais, sempre houbo demanda de formación dixital, pero agora máis”, afirma Ojea.

A pesar de que a xente bota en falta o contacto físico, a demanda de formación dixital vai aumentar. “As persoas emprendedoras demandan esta formación. E coa maior necesidade de presenza dixital dos negocios é vital. Ás empresas de economía social, como outras, queren posicionarse ou artellar a súa plataforma de comercio electrónico e coñecer a repercusión que teñen en Internet a través da interpretación de datos precisos”, engade o xerente da Fundación CEL.

Interese no uso de ferramentas TIC

Tamén sobre o terreo dixital traballa a cooperativa Tagen Ata, toda unha referente, que acumula moitos anos de traxectoria no eido da teleformación e que tamén participou nas accións dixitais do Proxecto LACES. Un dos seus socios traballadores, Iván Servia, considera que a dixitalización vese agora como unha necesidade a curto prazo, xa que, desde a súa perspectiva, “está claro que para soster unha empresa é preciso apoiarse en ferramentas tecnolóxicas para xestionar toda a cantidade de información que xera e comunica”.

Respecto aos contidos, Servia ve un impulso no interese polas ferramentas das tecnoloxías da información e comunicación (TIC), desde canles de produtividade como Trello ou Slack ata plataformas de videoconferencia. O incremento na súa demanda de coñecemento e uso coincide cos tempos da pandemia da covid-19.

As posibilidades que abre a Rede

Desde a cooperativa BenCuriosa tamén levan tempo deseñando e coordinando proxectos relacionados coa cultura dixital e as TIC, desde a difusión e a experimentación. Segundo traslada Ruth Sousa, desde o comezo “existe un grande interese en canto ás posibilidades sociais, culturais, creativas, divulgativas e inclusivas do dixital”.

Todo isto, que BenCuriosa enfocaba dende a perspectiva da mediación cultural, foi a máis tras a corentena da covid-19, cando o espazo dixital pasou a ser case o único lugar posible de socialización e de participación cultural. Ao que se lle sumaron novas necesidades: teletraballo, formación académica e comunicación.

Maior interese e oferta institucional

Neste contexto, Ruth salienta que, ademais da demanda da cidadanía, “medrou o interese por parte das institucións (culturais, académicas, divulgativas), tanto para adaptar os seus contidos presenciais como para formar aos seus equipos e ofrecer formación e actividades ás súas persoas usuarias”.

Unha formación dixital próxima

No caso concreto de BenCuriosa, o enfoque da formación dixital procura crear proxectos ao servizo da comunidade. É dicir, empregar os recursos das plataformas dixitais para manter unha comunicación directa e próxima coas persoas que participan nos cursos: “que teñan sempre a certeza de que hai outra persoa pendente delas ao outro lado”, matiza Ruth.

En síntese, as entidades e empresas do eido da economía social levan anos sendo conscientes das oportunidades que abre a transformación dixital, tanto con contidos que serven para dominar as técnicas de Internet como coñecementos sectoriais que se adaptan á Rede. No que coinciden todas é no punto de inflexión que supón 2020 na aceleración desa tendencia.