ES CONECTA: así son os principais detalles da aceleradora de economía social que activa a Xunta no marco do proxecto LACES

ES CONECTA: así son os principais detalles da aceleradora de economía social que activa a Xunta no marco do proxecto LACES

Nova 2

O proxecto LACES ten como principal obxectivo contribuír ao fomento e á consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e, nese impulso, a Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia acaba de lanzar a convocatoria da aceleradora ES CONECTA, a segunda que nace no seo do LACES, que se suma á xa posta en marcha pola Unión de Cooperativas Espazocoop.

Este programa de alto rendemento desenvolverase durante catro meses, que contarán a partir do peche do prazo de inscrición, que finaliza o 23 de xaneiro de 2019. A diferenza das aceleradoras convencionais, ES CONECTA adáptase ás peculiaridades dos proxectos de economía social, entre as que destaca, por exemplo, a busca dun impacto na vida das persoas e non só o beneficio económico. Esta aceleradora tamén estará orientada á creación e á participación en redes de cooperación.

Programa multisectorial e transfronteirizo

ES CONECTA non se cingue a ningún sector de actividade en concreto, senón que caracterízase por ser multisectorial no ámbito da economía social. Ademais, terá un enfoque transfronteirizo, o que permitirá lograr numerosos beneficios, como é á posibilidade de intercambio de experiencias entre persoas emprendedoras a ambos lados do río Miño, o que facilitará alianzas entre territorios, sectores e empresas. De feito, ES CONECTA forma parte dunha rede de seis aceleradoras ao longo do espazo da Eurorrexión, o que tamén favorece a conectividade e o networking dos proxectos impulsados de Galicia e o norte de Portugal.

Distintas accións en tres fases

Este programa combina, baixo a supervisión dun equipo de especialistas, un conxunto de accións baseadas na formación, a titorización, o coaching, a mentorización e o apoio no acceso a financiamento externo, encamiñadas a reducir os tempos de posta en marcha e consolidación de proxectos de economía social. Con isto tamén se procura garantir a viabilidade destes proxectos e minimizar os seus riscos inherentes.

Estas accións artellaranse en tres faces principais, que son a do deseño do programa específico de definición estratéxica, a aceleración propiamente dita e o proceso de acceso a financiamento.

Persoas e empresas destinatarias

O programa está aberto a catro grandes grupos de destinatarios da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que son:

  • Persoas emprendedoras interesadas en crear os seus proxectos empresariais de economía social.

  • Proxectos de economía social promovidos por emrpesas xa creadas ou en fase de consolidación.

  • Empresas baixo outras fórmulas xurídicas que sean propiedade de entidades de economía social.

  • Empresas constituídas baixo outras fórmulas xurídicas que queiran cambiar ao modelo de economía social.

Requisitos mínimos e sede

Os proxectos interesados poderán compatibilizar a súa participación con outros programas de aceleración, pero deben cumprir uns requisitos mínimos. A empresa ou proxecto poderá estar constituída no momento de tramitar a solicitude ou ser unha idea de negocio que poida transformarse nunha entidade de economía social. Ademais, deberá asignar unha persoa como representante permanente, que non poderá ocupar esta misma reponsabilidade nun proxecto similar. E todas as persoas do equipo promotor deben ser maiores de idade.

Tras o proceso de inscrición, seleccionarase un mínimo de vinte proxectos, que pasarán ao evento de defensa presencial do proxecto Start Up Day, que determinará os 18 proxectos participantes que formarán parte da aceleradora. A sede permanente deste programa será a cidade de Vigo.