EspazoCoop presentou na Coruña a axenda do sector TIC da economía social da Eurorrexión

EspazoCoop presentou na Coruña a axenda do sector TIC da economía social da Eurorrexión

Nova 2

EspazoCoop presentou na Coruña a axenda do sector TIC da economía social da Eurorrexión

Ana Olveira, presidenta da Unión, destacou o rol da dixitalización na mellora competitiva das entidades ante os retos e oportunidades de futuro

A Coruña, 08 de novembro 2019

Impulsar o rol das TIC como “activo transversal para modernizar o tecido produtivo e superar retos sociais”. Así resumiu Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop, a proposta de acción da Axenda Sectorial das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) da Economía Social de Galicia e o Norte de Portugal presentada onte no Mercado de San Agustín da Coruña.

Na presentación do documento, realizada no marco da primeira xornada da Mostra de Iniciativas de Economía Social POP-UP, tamén impulsada por EspazoCoop, Olveira subliñou a necesidade de favorecer a dixitalización das entidades como medida imprescindible para “favorecer o seu salto de escala”. A definición dun plan estratéxico para acadar esta meta é, precisamente, un dos eixos reitores da axenda, elaborada no ano 2017 co obxectivo de estimular a creación empresas TIC e fortalecer o crecemento das existentes a partir da achega de solucións ás principais debilidades e ameazas que enfrontan as entidades deste eido na Eurorrexión.

Segundo a avaliación do panorama sectorial incluído na axenda, elaborada coa participación de distintas persoas dedicadas ou vinculadas ás TIC, entre os principais obstáculos para as 2.331 empresas de economía social dedicadas á fabricación ou prestación de servizos do sector en Galicia -a quinta Comunidade Autónoma con maior número deste tipo de entidades-, sobresaen a falta de planificación estratéxica e de labor comercial, as dificultades para captar talento ou a inexistencia de proxectos de innovación que conten cun financiamento prioritario ou adaptado ás súas particularidades xurídicas e organizativas.

Uns atrancos á “profesionalización” que, segundo sinalou Olveira, a axenda propón remediar a través da mellora a liñas de axuda para acometer investimentos en TIC; a promoción de proxectos innovadores e de especialización tecnolóxica de economía social nos sectores estratéxicos ou o impulso do autoemprego colectivo, entroutras medidas. Deste xeito, considera Olveira, incrementaríanse as fortalezas e oportunidades de futuro no sector, caracterizado pola súa capacidade para xerar valor e para adaptarse a períodos de dificultade grazas a un modelo de negocio e estrutura organizativa que destrúe moito menos emprego, “como se demostrou durante a última crise”.

Ítaca Software Libre e Xeracción, entidades galegas referenciais no uso de boas prácticas

O seminario, no que tamén se fixeron públicos os resultados da Axenda sectorial de Turismo, elaborada pola Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e presentada pola investigadora Patricia António, e da Axenda sectorial dos Servizos Sociais, realizada polo Centro de Incubação de Base Tecnológica do Minho (In.Cubo) e exposta polo consultor Fernando Cabodeira, reuniu a distintas entidades galegas e portuguesas referenciais no uso de boas prácticas.

Na mesa de experiencias “Outros modos de facer economía” o socio-fundador de Ítaca Software Libre, Asier Epelde, destacou “a aposta social” que sustenta a de decisión da cooperativa de ofrecer servizos de consultoría informática a partir de sistemas de código aberto e software libre, “unha estrutura de transmisión de coñecemento baseada na colaboración e orientada a axudar a quen precise determinada solución tecnolóxica”. A “dimensión ética”, segundo sinalou Epelde, é un eixo fundacional da cooperativa, na que, fronte a valores coma a optimización constante de procesos, a maximización da rendibilidade ou a competencia, propios dun “mundo empresarialmente moi agresivo como o das TIC”, reivindican os principios reitores da economía social. En concreto, Epelde subliñou o compromiso da entidade coas necesidades de conciliación das persoas traballadoras: “Non poden existir cooperativas sen que estean incluídas as familias, sen que se teñan en conta ás súas necesidades. Para nós, o fundamental é o coidado ás persoas”, apuntou.

A transformación social foi tamén o eixo vertebrador da intervención de Antía Pousa, socia da cooperativa Xeracción, dedicada á intervención sociocomunitaria. Pousa, quen enfatizou a importancia da construción de redes entre entidades para sermos máis fortes, “sobre todo as que somos máis vulnerables”, situou a creación de Xeracción como resposta a un contexto económico, político e social “que demandaba a existencia” dun proxecto coma o seu na provincia de Ourense. Fronte á “pasividade” alimentada pola mercantilización da vida e o impacto dos recortes do gasto público e do fracaso do modelo asistencialista, a cooperativa quere reformular o proceso socializador desde unha perspectiva feminista: “Construír, en lugar de producir, desde a corresponsabilidade e a convivencia, fronte a segmentación e o individualismo”, indicou.

Finalmente, João Luís Côncio, da UTAD, presentou dous proxectos transdisciplinares desenvoltos polo Centro de Estudos Transdisciplinares para o Desenvolvimento (CETRAD) nos que turismo e innovación tecnolóxica se integran a través do uso da realidade virtual como ferramenta comunicativa:o DouroTur, centrasdo no Camiño Interior portugués de Santiago, e o GEOARPAD, destinado ao estudo do patrimonio cultural da Eurorrexión. Rui Leal pechou a palestra coa presentación de Sobre Natura, empresa de ecoturismo e turismo inclusivo.

Proxecto LACES

A elaboración das tres axendas mencionadas, así como os seminarios de presentación de A Coruña y de Vila Real do pasado outubro, forman parte dos Laboratorios para a Identificación de Oportunidades de Negocio do proxecto LACES, cuxo fin último é proporcionar ás empresas da economía social do espazo transfronteirizo un avance cuantitativo na súa capacidade de xerar e consolidar emprego. Co-financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no ámbito do programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, o proxecto vén de ser prorrogado até xuño de 2021, segundo sinalou na inauguración da xornada Alba Paz, subdirectora xeral de Economía Social da Xunta de Galicia.