Máis do 70% da cidadanía galega que accedeu á Rede interactuou coa Administración pública, case 17 puntos por riba da media estatal

Máis do 70% da cidadanía galega que accedeu á Rede interactuou coa Administración pública, case 17 puntos por riba da media estatal

Nova 2

A dixitalización da sociedade galega avanza cada ano, un fenómeno que se evidencia tamén na relación que a cidadanía mantén coas Administracións públicas (AAPP). A porcentaxe de persoas que en Galicia interactuaron coas AAPP a través de Internet para obter información foi do 70,6% no ano 2019, o que supón un incremento do 6,5% respecto ao ano anterior.

Tendo en conta a evolución do indicador, o uso da Internet para interactuar coas administracións co fin de obter información en Galicia continúa a superar os valores estatais e europeos, como se pode observar na gráfica superior.

O tipo de interacción coas AAPP que máis se incrementou no último ano foi a descarga de documentos xerados polas propias Administracións a petición da cidadanía, que experimentou un crecemento do 44,4% e se sitúa no 52%.

Maior velocidade de conexión

A cada vez máis frecuente relación coa Administración pública a través de Internet é posible por diversos motivos, entre os cales destaca un maior acceso á Rede nos fogares galegos. Segundo o informe do OSIMGA, o 88,1% dos fogares conta con Internet, un 2,9% máis que o ano anterior. O aumento de fogares con Internet contratado en Galicia é superior ao observado a nivel europeo e similar ao estatal.

Ademais, tamén inflúe a velocidade de conexión. Máis da metade dos fogares galegos (51%) ten contratada unha conexión a Internet superior a 30 Mbps, o que supón un incremento do 6% respecto ao ano anterior, amosando a rápida evolución de velocidade nos fogares galegos.

Maior crecemento experimentan os fogares con velocidade de conexión superior aos 100 Mbps no último ano, que se incrementan nun 81,7% e xa supoñen case a cuarta parte do total.

Outros factores determinantes

O informe destaca, ademais, outros factores determinantes na contratación e uso de Internet, entre os cales menciona a idade das persoas usuarias (uso universal entre a mocidade), a formación (o 79% das persoas con estudos universitarios realiza compras online), os ingresos (95% de dispoñibilidade de ordenadores en fogares con máis de 3.500 euros en ingresos mensuais), a convivencia con nenos/as (uso do 96%) ou o hábitat (uso do 91% en núcleos de máis de 50.000 habitantes).

Porén, respecto ao hábitat, o estudo salienta o avance que experimentan os núcleos de poboación con menos de 5.000 habitantes, nos que o uso de Internet sube case 12 puntos porcentuais, ata o 74% dos fogares.

Máis da metade da poboación merca en liña

Un dos sinais da maior madurez dunha sociedade dixital é o tamaño do mercado de comercio electrónico. No caso de Galicia, o 52% da poboación adquiriu algún ben ou servizo a través da Rede. Outro ano máis é a mocidade con idades comprendidas entre os 25 a 34 anos a que acada unha maior porcentaxe de compra a través de Internet (85,2%).

Máis información no informe completo do OSIMGA.