O proxecto LACES lanza a súa academia en liña para formar a persoas e empresas de economía social nos retos da Industria 4.0

O proxecto LACES lanza a súa academia en liña para formar a persoas e empresas de economía social nos retos da Industria 4.0

Nova 2

A volta das vacacións de verán estréase este ano co lanzamento da academia en liña do proxecto LACES, unha iniciativa realizada desde o ámbito xeográfico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que ten como obxectivo contribuír ao fomento da economía social para conseguir un salto cuantitativo na competividade das empresas deste sector.

En concreto, a academia ofrecerá formación por Internet a todas aquelas persoas interesadas en coñecer os retos da Industria 4.0, entre outros sectores, e así adaptar as súas empresas ou entidades de economía social aos requirimentos da que xa se coñece como a cuarta revolución industrial.

Desde o proxecto LACES quérense promover, a través desta formación, oportunidades de creación de empresas de economía social na nova Industria 4.0, que será clave para medir a rendibilidade e sustentabilidade dos futuros proxectos empresariais e que xa se está estendendo por todo o mundo.

Nova formación para unha realidade emerxente

A academia pon a disposición dos alumnos un total de 80 horas de formación gratuíta, na que se poden inscribir a través do seguinte enlace.

Os avances tecnolóxicos que caracterizan o novo panorama global esixen unha continua actualización de coñecementos, que derivarán, no medio e longo prazo, na aparición de novas profesións. Algunhas das que xa xurdiron nos últimos anos e que se atopan entre as máis demandadas do mercado laboral, son as de analistas de datos e big data ou expertos en intelixencia artificial e Internet das Cousas. Tamén cabe destacar a aparición de novos modelos de empresas, como os fab labs, pequenas fábricas nos centros das cidades que permiten a creación de todo tipo de obxectivos a través da impresión 3D.

Con esta academia, o proxecto LACES, enmarcado no “Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020”, pretende satisfacer esas necesidades formativas para que a economía social manteña a súa competitividade neste novo escenario.