O proxecto Low Carbon Innovation ofrece asesoramento a emprendedores con iniciativas baseadas en economía circular e baixa en carbono

O proxecto Low Carbon Innovation ofrece asesoramento a emprendedores con iniciativas baseadas en economía circular e baixa en carbono

A Coruña, 21 de febreiro de 2018.

O proxecto Low Carbon Innovation, financiado polo Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP), ten aberta a convocatoria para o asesoramento a emprendedores con ideas de negocio enmarcadas nunha economía verde, circular ou baixa en carbono.

Esta iniciativa transrexional, na que participa a Fundación Universidade da Coruña (FUAC) baixo a coordinación da Escola de Organización Industrial (EOI) e xunto á Fundación Patrimonio Natural de Castilla e León, a Agência Regional de Energia e Ambiente do Alto Minho e a Associaçao para um Centro de Estudos em Desenvolvimento Sustentável, ten por obxectivo a presentación de servizos ao desenvolvemento empresarial de modelos de negocio enfocados cara o crecemento sustentable, o fomento da denominada inversión verde e a identificación de casos de éxito e boas prácticas na materia.

Rede para o fomento do emprendemento verde

O proxecto Low Carbon Innovation inclúe a creación dunha rede transrexional para apoiar o emprendemento verde a través de asesoramento na elaboración de plans de negocio orientados á economía circular, espazos de encontro para a canalización da inversión entre empresas, emprendedores e inversores verdes e a identificación de modelos de negocio.

Todos aqueles emprendedores que conten cun proxecto empresarial en fase inicial de desenvolvemento, ou unha empresa creada recentemente (non máis de 36 meses), que estean interesados en recibir asesoramento específico para as súas iniciativas e que residan na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Zamora, Salamanca, Ávila, León ou Valladolid poden inscribirse na convocatoria, de xeito totalmente gratuíto, cubrindo este formulario. Desta forma, Terán acceso a dúas sesións individuais presenciais de mentoring, tres sesións de formación grupal, un servizo de seguimento remoto e a posta en contacto con potenciais inversores.

Máis información: www.lowcarboninnovation.es