[ Pop Up ] Mostra de Iniciativas de Economía Social na Coruña | 7, 8 e 9 de novembro

[ Pop Up ] Mostra de Iniciativas de Economía Social na Coruña | 7, 8 e 9 de novembro

Nova 2

Mostra Pop Up de iniciativas de economía social no Mercado de S. Agustín na Coruña

En apenas tres semanas dará comezo o POP Up Mostra de Iniciativas de Economía Social no Mercado de San Agustín da Coruña. Será os días 7, 8 e 9 de novembro de 2019, e xa está listo o programa de actividades.

A iniciativa -impulsada pola Unión de Cooperativas EspazoCoop- forma parte do proxecto europeo LACES, co que se pretende fomentar a economía social na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

Na Mostra participarán proxectos empresariais da Economía Social en fase de creación e consolidación que exporán os seus produtos e servizos para ter unha experiencia real de venda que lles reporte unha aprendizaxe coa que mellorar o seu modelo de negocio.

Un total de 13 entidades e iniciativas de economía social galegas estarán presentes no Pop Up:

Mulleres Colleiteiras

Triwus

Fiare Banca Ética

Unidade Lémbrate

D-Raíz

A Factoría Atelier

7H Cooperativa Cultural 

Árbore Arqueoloxía

Laboratorio Escénico

Plano Pementa

Mercado da Terra

Alcrique 

Ribeiregas

O horario de apertura da Mostra ao público será de 10.00 a 14.30 horas e de 17.30 a 19.30 horas. Para o xoves día 7, ás 10.15 horas, está prevista a inauguración institucional do evento.

O Programa será presentado publicamente nun encontro aberto ao público e á prensa a finais de outubro. A programación inclúe, ademais da exhibición dos produtos e servizos que se van testar na feira, diversas actividades dirixidas a fomentar e dar a coñecer a economía social.

PROGRAMA MOSTRA POP UP A CORUÑA

Os POP UP buscan difundir os valores e as vantaxes da ECONOMÍA SOCIAL -ES-, ofrecendo experiencias reais para testar os produtos, os servizos e os proxectos nunha situación de venda real, achegándoas ao público e permitíndolles establecer un diálogo que traslade unha visión desde o punto de vista da persoa receptora.

------

Esta Mostra POP UP inscríbese no programa europeo LACES, proxecto que ten como obxectivo contribuír ao fomento da economía social na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Así mesmo, o LACES materialízase a través do apoio vehiculado polo Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Con el, preténdese dar un salto cuantitativo na competitividade e impulsar os proxectos empresariais de economía social no espazo transfronteirizo, axudando á creación de empresas e de empregos de calidade na Eurorrexión. Para implementar na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal as distintas actuacións previstas no LACES, ademais da Xunta de Galicia participan as seguintes entidades galegas e portuguesas: Unión de Cooperativas EspazoCoop, Universidade de Santiago de Compostela (USC), Asociación galega de cooperativas agroalimentarias (Agaca), Asociación de sociedades laborais galegas (Aesgal), Utad, Tec Minho, In.cubo e a Câmara Municipal de Santo Tirso.