A túa empresa de economía social traballa nestes 4 sectores? Coñece as vantaxes que achega a realidade aumentada

No blog de LACES Industria 4.0 xa dedicamos diversos arquivos á realidade aumentada, unha tecnoloxía que está revolucionando a forma na que mercamos, tanto en tenda física como en liña, e que se está posicionando como máis versátil e accesible que outras quizais máis populares, como a realidade virtual.
A súa versatilidade é, posiblemente, a súa principal vantaxe, xa que se trata dunha aplicación que se pode aplicar en calquera tipo de tarefas e sectores grazas a unha boa dose de creatividade e á detección de oportunidades de solución ou de mellora.
Agora ben, hai actividades nas que o seu uso ten claros beneficios e maiores potencialidades, superiores aos que se detectan noutros. Se a túa empresa de economía social desenvolve o seu traballo neles, o consello é claro: valora como podes sacarlle rendemento a esta nova tecnoloxía, tendo en conta as seguintes indicacións que sinala a Academia de Economía Social do proxecto LACES, coordinada pola Universidade de Santiago de Compostela.
Sector turístico
A realidade aumentada ten unha grande importancia en proxectos cuxa finalidade é a atracción de turistas a través dunha maior interacción con eles. Son numerosos os proxectos que se centran en aplicacións para dispositivos móbiles ou en pantallas dixitais e interactivas.
Esta tecnoloxía pode funcionar como unha guía interactiva que achega máis ao turista co lugar que se desexe promocionar, ofrecéndolle máis información, consellos e ferramentas que enriquezan a súa experiencia. Un exemplo é a aplicación de realidade aumentada lanzada por Turismo de Galicia.
Sector educativo
Este é un campo de grandes posibilidades para a realidade aumentada. Multitude de resultados e funcións educativas poden ser trasladadas a poboacións afastadas ou de escasos recursos. As ferramentas creadas a través da realidade aumentada permiten aos estudantes fortalecer os seus coñecementos e desenvolver competencias específicas, baseándose no autodescubrimiento e na exploración. Que usos concretos se poden desenvolver? A xeolocalización, melloras na aprendizaxe en liña (e-learning), integración con ramas específicas (física, química, matemáticas, saúde, idiomas), modelaxe de obxectos, etc. Aquí podes atopar algunhas aplicacións.
Sector publicitario e marketing
É un ámbito clave para o desenvolvemento de proxectos con aplicación de realidade aumentada, dado que esta pode resultar unha potente ferramenta grazas á interacción que xera cos clientes e aos seus modelos novedosos, creativos e que xeran gran expectación no público.
A súa aplicación permite xerar experiencia coa marca, logrando que sexa atractiva e diferente ás da competencia, ademais de achegar ao cliente os produtos antes da compra e mesmo personalizalos a través dun mecanismo virtual.
Entre os exemplos destacan as campañas publicitarias de interacción desenvolvidas por diversas marcas e a pantalla interactiva de National Geographic, onde os visitantes podían convivir con dinosaurios virtuais.
Sector sanitario
A tecnoloxía de realidade aumentada ten un impacto importante en proxectos que logran tanto mellorar as habilidades e técnicas profesionais, como as condicións e comodidades do paciente.
Contribúen á capacitación e adestramento dos médicos ao desenvolver aplicacións, dispositivos ou plataformas que serven como simuladores ou como bases de información e recursos de aprendizaxe con elementos gráficos e tridimensionales. Neste sentido, os pacientes beneficiaríanse ao poder contar con programas de adestramento para rehabilitación e programas de tratamento.
Comparte as túas experiencias
A túa empresa desenvolve a súa actividade nalgún destes sectores? Noutros? Que outras aplicacións se poden poñer en marcha a través da realidade aumentada? Comparte as túas experiencias contactando connosco a través dos nosos perfís sociais en Twitter e Facebook.