As TIC e a información axudan ao desenvolvemento sustentable: estes son algúns dos fitos globais que favoreceron

As TIC e a información axudan ao desenvolvemento sustentable: estes son algúns dos fitos globais que favoreceron

Nova 2

Lembras ou imaxinas un mundo sen Internet ou teléfono móbil? Grazas ás tecnoloxías hoxe en día podemos comunicarnos con familiares e amigos a través do móbil, correo electrónico e redes sociais. Podemos decatarnos do que pasa no resto do mundo, e tamén é posible estudar e axudar a quen o necesite.

Nun mundo globalizado, as tecnoloxías de información e comunicación (TIC) permiten atopar novas solucións aos problemas do desenvolvemento e cumprir así cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) fixados pola ONU. Ademais, axudan a promover a competitividade, o crecemento económico, o acceso ao coñecemento, a inclusión social e a erradicación da pobreza. Noutras palabras, as tecnoloxías da información permítennos coñecer e transformar. Por iso, desde o 24 de outubro de 1972 celébrase o Día Mundial de Información sobre o Desenvolvemento para recoñecer a vital importancia que a difusión de información ten na solución de problemas.

O acceso a Internet chega, segundo datos da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), a un 51,2% da poboación mundial e a telefonía móbil medra de forma vertixinosa. Estes fenómenos supoñen avances para o progreso mundial, pero existen outros fitos no eido das TIC que nos últimos anos contribuíron ao desenvolvemento social e ao acceso a información e tecnoloxía. Estes son algúns dos máis importantes.

Inclusión financeira dixital para erradicar a pobreza. Máis de 2.000 millóns de persoas no mundo non teñen contas bancarias, e está demostrado que o acceso a servizos financeiros dixitais contribúe a saír da pobreza. En novembro de 2017, a UIT en colaboración con varias entidades asociadas puxo en marcha un programa mundial destinado a acelerar a inclusión financeira dixital nos países en desenvolvemento.

As solucións baseadas nas TIC poden axudar para aumentar o rendemento da agricultura e, á súa vez, reducir o consumo de enerxía, facendo que as prácticas agrícolas sexan máis eficientes. Por exemplo, a tecnoloxía do Internet das Cousas (IoT nas súas siglas en inglés) pode facer un seguimento das condicións ambientais e do chan, o que reduce os posibles danos aos cultivos e mellora a produtividade agrícola mediante o uso de grandes cantidades de datos (big data). Tamén permite que as persoas do agro accedan a información e coñecementos capaces de optimizar a produtividade e o rendemento dos seus cultivos. Solucións TIC como estas permitiron que a poboación nos países en desenvolvemento que non estaba ben nutrida pasara do 15% en 2000 ao 10,6% en 2015.

A interacción directa coa persoa doente, a informática sanitaria e a telemedicina poden mellorarse mediante unha maior conectividade. O uso das tecnoloxías dixitais para reforzar a prestación de servizos de saúde pública está detrás de proxectos como Be He@lthy, Be Mobile, unha colaboración entre a UIT e a Organización Mundial da Saúde (OMS) que axuda aos gobernos para prestar servizos de saúde no caso de enfermidades non transmisibles e os seus factores de risco mediante a subministración de información a millóns de persoas usuarias a través do teléfono móbil nos seus países. A OCDE tamén destaca que as innovacións na atención sanitaria achegan ao persoal médico novos recursos para mellorar a saúde das persoas doentes. Grazas a sistemas IoT, telefonía fixa e móbil e, máis recentemente, a tecnoloxía 5G, a vixilancia da persoa doente pode realizarse en tempo real, proporcionando datos sobre a súa saúde, o que reduce custos, aforra tempo e facilita a mellora dos diagnósticos.

A educación é outro dos grandes ámbitos onde as TIC contribúen positivamente. Os servizos de comunicación móbil xa están a xerar oportunidades para grupos desfavorecidos da poboación, que teñen baixos ingresos ou baixo status socioeconómico, especialmente en mercados emerxentes. En particular, o acceso a plataformas educativas en liña reduce unha das barreiras máis grandes para o logro dunha educación de calidade universal: a falta de acceso a materiais educativos. Neste sentido, Internet e unha mellor conectividade son claves. A nivel global, a ONU puxo en marcha a campaña "Aptitudes dixitais para o emprego digno", que busca dotar a cinco millóns de persoas mozas de competencias dixitais para o emprego antes de 2030, en consonancia cos ODS, sendo esta a primeira iniciativa global en todo o sistema das Nacións Unidas destinada a fomentar o emprego xuvenil en todo o mundo.

En xeral, as TIC poden lograr resultados a unha escala, velocidade, calidade, precisión e custo que eran inconcibibles hai tan só unha década co obxectivo de acelerar o cumprimento de cada un dos 17 ODS. Son medios para fornecer bens e servizos de calidade nos ámbitos tales como a atención sanitaria, a educación, as finanzas, o comercio, a gobernanza e a agricultura. Poden contribuír a reducir a pobreza e a fame, mellorar a saúde, crear novos postos de traballo, mitigar o cambio climático, mellorar a eficiencia enerxética e facer que as cidades e as comunidades sexan sostibles.