TikTok, unha nova rede social a ter en conta polas marcas que queren chegar á xente moza

TikTok, unha nova rede social a ter en conta polas marcas que queren chegar á xente moza

Nova 2

Tes unha marca e precisas ampliar a túa presenza nas principais redes sociais ou as máis acaídas para o teu negocio? Pois debes saber que desde hai un ano outra plataforma medra con forza e xa conta con máis de 500 millóns de usuarios en todo o mundo. Chámase TikTok e é propiedade da empresa chinesa ByteDance, propietaria da aplicación Music.ly, que foi substituída por TikTok.

A base de grandes investimentos e de vídeos moi virais, TikTok é a rede social de maior crecemento, superior a Instagram e Facebook, que xa están pensando como competir con ela (Facebook podería crear unha nova plataforma, Lasso).

Edición de vídeos moi intuitiva

A principal clave do éxito de TikTok é a facilidade coa que se poden gravar e editar vídeos cunha boa calidade, con ferramentas e efectos moi intuitivos. De feito, un dos seus principais atractivos é publicar videoselfies con música de fondo e moitas das tendencias a través de hashtags ou cancelos que se poden atopar son de xente bailando ou cantando os seus temas favoritos.

A plataforma ten puntos en común con outras redes, o que a fai moi familiar no seu uso. Por exemplo, ten espazo para crear o teu perfil, unha páxina de inicio na que ver as actualizacións das persoas que segues e a posibilidade de explorar temas que son tendencia. Ademais, TikTok, incorpora funcións de intelixencia artificial e suxire contidos a partir dos intereses da persoa usuaria para facer a súa experiencia máis satisfactoria e interactiva.

As empresas, ademais de poder anunciarse na plataforma, poden crear un perfil corporativo. Os pasos para facelo son moi sinxelos e case idénticos os que é necesario realizar en Instagram. A versión 'Pro' permite ver estatísticas de audiencia e a localización de usuarios, entre outros aspectos.

O público de TikTok

Agora que sabemos como son as características principais de TikTok e como crear un perfil corporativo, queda ter en conta cuestións relevantes sobre que público usa a plataforma e que tipo de contidos consume.

A idade das persoas usuarias é menor que noutras plataformas. Aquí, como é unha aplicación aínda novidosa, abundan persoas menores de 25 anos, os considerados como early adopters (primeiras persoas en adoptar unha tendencia) no ámbito da tecnoloxía. O 90% das persoas ten menos de 34 anos e máis do 60% cursou estudos superiores.

Consellos de publicación

En canto á frecuencia de actualización, a maioría soe publicar contidos de forma diaria, algo que é un síntoma dunha comunidade activa e con grandes posibilidades de interacción. Ao contrario do que pode pasar en Facebook, aquí as publicacións de marca poden ser de catro a cinco semanais.

No caso de como dirixirse á audiencia, hai que ter en conta que o contido se adapte á linguaxe imperante na rede social e non ao revés. A linguaxe deberá ser próxima, fresca e amena e cun toque divertido.

No caso de facer anuncios, é aconsellable facelos similares ao formato videoclip e con contido de calidade, non puramente comercial, para que TikTok os sitúe na parte superior do muro das persoas usuarias.

Introducir unha marca nunha nova rede social é un esforzo engadido á estratexia de comunicación e marketing dunha empresa, grande ou pequena, pero tamén abre novas posibilidades de chegar a públicos interesados nos produtos ou servizos ofertados. Pero o máis importante, chegados a este punto, é lembrar que non se debe estar por estar, senón que a decisión ten que obedecer a unha análise de a que persoas se dirixe a marca. A partir de aí, se hai que estar en TikTok, a por todas!