5 formas nas que a aprendizaxe en liña mellora a produtividade na ensinanza e outras curiosidades

5 formas nas que a aprendizaxe en liña mellora a produtividade na ensinanza e outras curiosidades

Nova 2

Internet xa cambiou a nosa forma de adquirir coñecementos. En todo o mundo, máis de 100 millóns de persoas realizan ou realizaron algúns dos máis de 11.000 cursos a distancia (os coñecidos popularmente como MOOC) que ofertan case un millar de universidades. 100 millóns de estudantes conseguidos en sete anos.

Se ben é certo que o crecemento da demanda de cursos online non é tan elevado como hai uns anos, segue sendo unha das opcións preferidas por centos de miles de persoas en todo o mundo para aprender, sobre todo entre a xente nova. En España, por exemplo, o 45% das persoas menores de 35 anos realizan cursos en liña, fronte ao 33% das maiores de 45. Tamén é unha modalidade cada vez máis utilizada polas universidades (o 35% das españolas) e empresas (77% en Estados Unidos e un 22% en España).

Aínda que a formación nas empresas ten moito percorrido en España, segundo un estudo de Telefónica Educación Digital o noso país é o segundo do mundo que máis cursos online realiza, despois de Colombia e por diante de Brasil, México e Chile. Ademais, España é o país da Unión Europea que máis cursos en liña produce, co 27% do total.

Vistos os datos, queda coñecer as causas. Por que este interese por formarse a través da Rede? Segundo un informe realizado polo Departamento de Educación do Estados Unidos, hai varios factores comúns que explican o auxe do ensino electrónico e destaca, sobre todo, cinco vantaxes respecto ao ensino convencional, que ao mesmo tempo favorecen unha mellora da produtividade do alumnado. Son estas:

  • Aumenta o acceso a experiencias e recursos educativos.

  • Involucra a estudantes na aprendizaxe activa a través de diversos materiais en formatos multimedia.

  • Adapta o proceso de aprendizaxe do alumnado en función das súas habilidades, capacidades e dispoñibilidade, así como da súa metodoloxía.

  • Personaliza a aprendizaxe en función dos intereses de cada persoa.

  • Favorece un mellor uso do tempo da persoa que estuda e da que ensina, grazas á planificación da rutina de estudo e tarefas.

O ensino electrónico reduce custos para ambas partes

Ademais destas vantaxes, a formación en liña pode contribuír a reducir os custos de aprendizaxe por diversos factores. Un deles é o incremento da taxa de aprendizaxe provocada por un aumento da motivación, pois na maioría dos casos soen ser cursos demandados directamente polas propias persoas usuarias e que tamén soen pagar do seu peto. Tamén reduce a cantidade de espazo físico que os centros de ensino precisan, polo que non teñen tantos custos fixos como alugueiros ou a adquisición de inmobles.

Por outra banda, rebáixanse os custos salariais debido á transferencia dalgunhas actividades educativas a programas informáticos ou softwares específicos. Ademais, hai cursos que se poden reciclar parcialmente ou case na súa totalidade, o que permite realizar economías de escala que favorecen que os centros de ensino teñan máis demanda e os alumnos aforren cartos na matrícula.

Nos últimos tempos tamén colle forza a mistura entre formación offline e online, a coñecida en inglés como blended learning ou blearning. Diversos estudos afirman que o 70% dos alumnos tende a aprender mellor nesta formación combinada que nunha convencional, exclusivamente centrada na aprendizaxe nunha aula física.

Ademais dunha revolución entre o estudantado, a maior popularidade do ensino electrónico fixo que tanto entidades públicas como privadas xa oferten formación en liña, conscientes de que é unha ferramenta clave para afrontar os desafíos da actualización constante de coñecementos que esixe a Industria 4.0.