Desde a intelixencia artificial ata ao e-learning: estas son algunhas das mulleres galegas referentes en Industria 4.0 e tecnoloxía dixital

Desde a intelixencia artificial ata ao e-learning: estas son algunhas das mulleres galegas referentes en Industria 4.0 e tecnoloxía dixital

Nova 2

A Industria 4.0, coñecida por ser a cuarta grande etapa da revolución tecnolóxica da humanidade, cun marcado carácter dixital, achega periodicamente innovacións e, con elas, novas persoas referentes en distintos campos. Entre elas, neste artigo achegamos o perfil dalgunhas mulleres galegas que destacan neste novo paradigma tecnolóxico, porque o seu exemplo pode servir de inspiración para outras mulleres.

A intelixencia artificial é unha das innovacións que está chamada a transformar as nosas vidas pola disrupción e os avances que xera. En Galicia contamos co labor e traxectoria de Amparo Alonso, catedrática da Universidade da Coruña (UDC) e presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial (AEPIA). É coordinadora do grupo de investigación LIDIA da UDC, que desenvolve aplicacións de intelixencia artificial que modelan comportamentos expertos en tarefas como a monitorización, a diagnose, a clasificación ou a xestión de procesos en ámbitos diversos, desde a medicina ou ata a xestión de incendios. Ademais, tamén é defensora e divulgadora do big data, outra das tecnoloxías 4.0 que teñen unha maior demanda e expansión. De feito, recoñece que “a intelixencia artificial e big data son unha oportunidade social que contribúe ao ben común” e incide sobre a necesidade de concretar unha regulación máis específica e analizar as súas implicacións éticas.


No ámbito das telecomunicacións se move Edita de Lorenzo, profesora e doutora en Enxeñería de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. Entre os seus logros destaca o feito de ser a primeira muller en dirixir unha escola de enxeñería en Galicia. Pero hai máis fitos que cómpre salientar na súa traxectoria, como é a súa investigación sobre a aplicación de técnicas de radar de superficie ao problema da detección de cancro de mama, o impulso do dominio .gal (é a secretaria xeral da Asociación PuntoGal) e a fundación, xunto a outras mulleres, da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte da Asociación IEEE (Institute of Electrical and Electronic Engineering).


Outra galega que conta con diversos recoñecementos no ámbito tecnolóxico é Susana Ladra, como o Premio Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) polo seu labor investigador en distintas áreas. É directora do Campus Innova da Universidade da Coruña (UDC) e investigadora do CITIC Research e do Laboratorio de Datos da mesma universidade. Toda esta responsabilidade compártea co seu traballo como profesora de Informática, onde é un exemplo para futuras enxeñeiras neste campo, no que recoñece que se precisan máis referentes femininos.


Antía Fernández asegura que sempre foi curiosa e que esa pode ser unha das causas polas que nunca lle preocupou definir a súa profesión, pois sempre xorden outras novas, algo que probablemente vaia a máis coa Industria 4.0. Na actualidade é co-directora da área de Servizos Intelixentes en Gradiant e centra o seu traballo na analítica de datos para mellorar a toma de decisións na industria. Ao longo da súa traxectoria tamén foi avaliadora de proxectos H2020 para a Comisión Europea e traballou na investigación en ciberseguridade, cloud computing e learning analytics. Ademais, é unha das organizadoras da delegación galega de Women in Machine Learning & Data Science.


E pechamos este artigo cunha muller que traballou e segue traballando moito por visibilizar a presenza feminina nas profesións científicas e tecnolóxicas. Falamos de María José R. Malmierca, responsable da área de E-Learning do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Nesta entidade participou en máis de 40 proxectos de investigación en relación coas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) aplicadas a diferentes procesos formativos a nivel nacional e internacional, coordinando algúns deles. A nivel europeo, coordina diversas iniciativas, entre elas ICT-Go-Girls!, que promove o apoderamento das nenas de ensinanza secundaria a través das TIC. Tamén participou en numerosas iniciativas para inspirar a futuras mulleres tecnólogas, como a Women Techmaker Galicia.

Fotos cedidas polas propias protagonistas. Foto de Susana Ladra: cortesía da CRTVG.