As empresas ante o panorama dixital: cal é o perfil das persoas que se conectan a Internet en Galicia?

As empresas ante o panorama dixital: cal é o perfil das persoas que se conectan a Internet en Galicia?

Nova 2

Un dos grandes retos das pequenas e medianas empresas de hoxe en día é a transformación dixital das súas organizacións e negocios. Para conseguilo con garantías de éxito, unha das principais claves está en coñecer como se comportan as persoas usuarias en Internet e, desta forma, adaptarse aos seus hábitos e preferencias.

No caso das empresas galegas, un dos manuais de obrigada consulta para levar por bo rumbo este proceso de dixitalización é o estudo “A Sociedade da Información nos fogares galegos”, que elabora anualmente o Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA).

Neste artigo destacamos algúns dos datos máis curiosos do seu último informe, o correspondente ao ano 2018.

Máis uso de Internet no rural e entre persoas maiores

En primeiro lugar, destaca que as persoas que en Galicia usan Internet segue aumentando, ao situarse no 80% da poboación, dez puntos máis que hai tres anos.

O que máis chama a atención do crecemento no número de persoas usuarias é que se produce nos núcleos menos poboados, é dicir, de contornas rurais. Isto débese, sobre todo, a que son os que teñen unha maior marxe de aumento, pois as zonas urbanas xa levan moita máis vantaxe neste sentido. En concreto nas poboacións de menos de 5.000 habitantes o incremento é de 15 puntos porcentuais desde 2015. Un incremento similar experimentan os municipios de entre 5.000 e 10.000 habitantes. Isto supón novas oportunidades para as empresas que dirixan o seu negocio cara a contornas rurais, sobre todo para aquelas que teñen negocio dixital.

Estes núcleos tamén son dos máis envellecidos de Galicia e, polo tanto, ese avance no uso da Rede esténdese ás persoas maiores. A maior progresión prodúcese nos galegos de máis de 65 anos, que pasan dun 21% a un 35% no uso de Internet.

Con estes avances na penetración de Internet no rural, cada vez faise máis atractivo abrir negocios fóra dos grandes núcleos urbanos e, desta forma, fixar poboación en concellos que perden xente moza de maneira continuada.

Redes sociais, unha vía de acceso prioritaria

No conxunto de Galicia, tanto zonas urbanas como rurais, tamén hai outros datos destacables que as empresas deben ter en conta para coñecer o comportamento das persoas usuarias. Calquera negocio que procure ter unha base dixital, debe contemplar como prioridade a tecnoloxía móbil, xa que máis do 98% dos galegos emprega o teléfono móbil para acceder a Internet desde o fogar, fronte a un 65,8%, que emprega o portátil.

As aplicacións máis usadas son as redes sociais, ás que acceden o 94,5% dos galegos con móbil. Polo tanto, a creación de perfís sociais é un dos eixes sobre os que debe xirar parte da estratexia dixital de calquera empresa se quere chegar ao seu público e gañar notoriedade.

Fenda entre empresas e persoas usuarias

Segundo datos do BBVA, só o 20% das pemes venden por Internet, porcentaxe que baixa ao 5% no caso das micropemes de menos de dez empregados. Isto é unha proporción baixa se a comparamos co feito de que máis do 46% dos galegos compra online, sobre todo, roupa, servizos relacionados coas viaxes, material deportivo e entradas para espectáculos. As empresas que están fóra do comercio electrónico están perdendo unha oportunidade de ouro para enganchar as persoas usuarias que se inician nesta fórmula de adquirir produtos e servizos.

Como gran conclusión, todos os segmentos demográficos da poboación galega están aumentando o seu uso da Rede, incluso a un maior ritmo que o das empresas máis pequenas, o que supón unha fenda de oportunidade que favorece as marcas máis avanzadas dixitalmente. O primeiro paso é consolidar a cultura dixital na organización, para posteriormente gañar cota de mercado e diversificar o negocio.