Mulleres na ciencia e tecnoloxía: dez historias que deberías coñecer

Mulleres na ciencia e tecnoloxía: dez historias que deberías coñecer

Nova 2

As grandes figuras da ciencia e a tecnoloxía, en numerosas ocasións, parecen reservadas para os homes ou, en todo caso, para un reducido grupo de mulleres que acadaron gran popularidade, como Marie Curie ou Hipatia de Alexandría.

Con todo, e a pesar de que, segundo datos da ONU, menos do 30% das persoas investigadoras en ciencia en todo o mundo son mulleres, hai moitos máis nomes que engadir a esa lista. Poucas persoas poderían mencionalas se se lles preguntase por eminentes nomes da ciencia, pero a súa pegada non é menos relevante por iso. Neste artigo destacamos dez mulleres do mundo da ciencia e a tecnoloxía que deberías coñecer. E que mellor que empezar por unha galega.

Begoña Vila (1963-presente)

Begoña Vila é unha astrofísica formada na Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Instituto de Astrofísica de Canarias e a Universidade de Manchester. Está especializada no estudo de galaxias espirais como a nosa, a Vía Láctea. Na actualidade traballa como enxeñeira de sistemas no centro de voo espacial Goddard da NASA. Encárgase do sensor FGS (Fine Guidance Sensor) do telescopio espacial James Webb. Ese telescopio permitirá unha ampla gama de investigacións nos campos da astronomía e a cosmoloxía e un dos seus principais obxectivos será observar algúns dos eventos e obxectos máis distantes do universo.

En 2016 foi condecorada pola NASA coa medalla “ Exceptional Public Achievement” polos “seus anos de liderado e logros excepcionais” e, un ano máis tarde, gañou o premio María Josefa Wonenburger Planells, que concede a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia da Xunta de Galicia.

Valentina Tereshkova (1937-presente)

Converteuse na primeira muller en ir ao espazo. Ao pilotar o Vostok 6, lanzado o 16 de xuño de 1963. Completou 48 órbitas ao redor da Terra nos seus tres días no espazo extraterrestre. Cun só voo, rexistrou máis tempo de voo que a suma de todos os tempos dos astronautas estadounidenses que voaran antes desa data.

Antes do seu recrutamento como cosmonauta, Tereshkova traballara como obreira nunha fábrica téxtil e paracaidista afeccionada. Despois da misión espacial estudou na Academia da Forza Aérea de Zhukovski e graduouse como enxeñeira espacial en 1969. Oito anos despois obtivo o doutoramento en enxeñería. En 2013, Tereshkova, con 76 anos, sorprendeu ao mundo tras manifestar o seu desexo de viaxar a Marte, aínda que a viaxe fora só de ida.

Tu Youyou (1930-presente)

O descubrimento da química farmacéutica Tu Youyou dun novo tratamento contra a malaria salvou millóns de vidas. Tras estudar a medicina tradicional chinesa e as herbas medicinais, atopou unha referencia nos textos médicos antigos sobre o uso do absintio doce para tratar as febres intermitentes, un síntoma da malaria.

Tu Youyou e o seu equipo de investigación puideron extraer unha substancia inhibidora da malaria chamada artemisinina (ou qinghaosu en chinés) do absintio. Ela mesmo se ofreceu como voluntaria para ser a primeira personma en probar a substancia. Desde o seu descubrimento da artemisinina na década de 1970, os medicamentos antipalúdicos baseados na substancia salvaron millóns de vidas.

Margarita Salas (1938-2019)

Tras máis de cincuenta anos dedicados á investigación, Margarita Salgas foi unha das mulleres pioneiras na ciencia en todo o mundo. Foi discípula de Severo Ochoa na Universidade de Nova York, e converteuse nunha figura clave na bioloxía molecular española, con máis de 300 publicacións internacionais. Ademais, converteuse en membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, da que obtivo a súa máis alta distinción, a Medalla Echegaray, sendo a primeira muller en conseguila.

Tamén ocupou asento na Real Academia Española, foi presidenta da Fundación Severo Ochoa e, en 2007, tivo a honra de ser a primeira muller española en ser aceptada na Academia Nacional das Ciencias de Estados Unidos.

Chien- Shiung Wu (1912-1997)

Á física chinesa-americana Chien-Shiung Wu atribúeselle o desmentir unha das leis básicas da física, chamada conservación da paridade. Antes do traballo de Wu, as leis da física establecían que todos os obxectos e as súas imaxes especulares comportábanse da mesma maneira, simetricamente, o que significaba que a natureza non podía distinguir entre a dereita e a esquerda. A investigación pioneira de Wu revelou que durante o proceso de descomposición radioactiva, as partículas nucleares idénticas en descomposición non sempre se comportaban simetricamente.

En 1973, Wu converteuse na primeira muller en dirixir a Sociedade Americana de Física, e en 1975 recibiu a Medalla Nacional da Ciencia. O seu libro Beta Decay segue sendo un libro de texto estándar para os estudantes de física nuclear.

Dorothy Hodgkin (1910-1994)

Dorothy Hodgkin era unha química británica á vangarda da cristalografía de raios X. En 1964 converteuse na primeira e única muller británica en gañar o Premio Nobel de Química polas súas determinacións mediante técnicas de raios X das estruturas de importantes substancias bioquímicas.

Ao longo da súa carreira, fixo numerosos descubrimentos importantes, incluíndo a estrutura atómica da penicilina, a estrutura da vitamina B12 e a estrutura da insulina. Tamén se converteu na segunda muller que gañou a prestixiosa Orde do Mérito do Reino Unido en 1965. Mentres Hodgkin era profesora na Universidade de Oxford, mesmo foi mentora da Primeira Ministra Margaret Thatcher.

Grace Hopper (1906-1992)

Grace Hopper foi unha programadora de computadoras pioneira que axudou a desenvolver múltiples linguaxes informáticas e é considerada unha das primeiras programadoras da era informática moderna. Hopper chegou a ter unha influente carreira no sector privado e na Mariña dos Estados Unidos. Durante a Segunda Guerra Mundial traballou nun prestixioso laboratorio responsable de cálculos de alto secreto como a calibración dos dragaminas ou o cálculo dos rangos dos canóns antiaéreos.

Desenvolveu algunhas das primeiras computadoras electromecánicas, como MARK I e MARK II, e foi a primeira persoa en chamar aos problemas das computadoras " bugs" no sistema.

Barbara McClintock (1902-1992)

A botánica estadounidense Barbara McClintock foi responsable de varios descubrimentos innovadores no campo da xenética tras unha carreira de décadas estudando a estrutura xenética do millo. McClintock estudou como as características xenéticas transmítense a través das xeracións, descubrindo finalmente que algúns xenes poderían ser móbiles.

McClintock foi galardoada coa Medalla Nacional da Ciencia en 1971 e gañou o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1983 "polo seu descubrimento dos elementos xenéticos móbiles", agora chamados transposóns.

Lise Meitner (1878-1968)

A física austríaca Lise Meitner contribuíu con importantes avances no campo da física nuclear. Tamén foi a primeira muller en converterse en profesora de física en Alemaña. O traballo de Meitner sobre a fisión nuclear foi decisivo para que o seu colaborador de investigación durante moito tempo, Otto Hahn, gañase o Premio Nobel de Química en 1944. Hoxe en día, múltiples premios prestixiosos de física levan o nome de Meitner e mesmo ten un elemento químico, o meitnerio, que leva o seu nome.

Alice Ball (1892-1916)

A química estadounidense Alice Ball foi a primeira muller e a primeira afroamericana en lograr un mestría da Universidade de Hawai e converteuse na primeira profesora de química da universidade. Con só 23 anos, Ball desenvolveu un tratamento innovador para a lepra. Ball desenvolveu unha forma facilmente inxectable do aceite que, en última instancia, salvou innumerables vidas e converteuse no mellor tratamento para a lepra ata o decenio de 1940.

Lamentablemente, morreu antes de poder publicar as súas conclusións e o presidente da Universidade de Hawai tentou reclamar a investigación como súa ata que o antigo supervisor de Ball declarou publicamente que ela merecía o crédito pola inxección que salvou vidas.