Santiago de Compostela será o epicentro da intelixencia artificial europea pola súa acollida da Conferencia ECAI 2020

Santiago de Compostela será o epicentro da intelixencia artificial europea pola súa acollida da Conferencia ECAI 2020

Nova 2

En pleno verán, desde o 29 de agosto ata o 8 de setembro, Santiago de Compostela será o epicentro do sector da intelixencia artificial europea. Entre esas datas celebrarase a 24ª Conferencia Europea sobre Intelixencia Artificial (ECAI 2020), que nesta edición, debido ás restricións sanitarias provocadas pola pandemia da covid-19, será completamente dixital. Trátase do encontro de investigación máis importante sobre esta tecnoloxía do continente e este ano o seu lema é Facendo camiño cara a unha intelixencia artificial centrada nas persoas.

O foco, nas persoas

Precisamente o foco deste ano coincide cun dos eixes que tanto profesionais da tecnoloxía como de outros ámbitos de coñecemento (entre eles a socioloxía ou a filosofía) consideran prioritario abordar no desenvolvemento deste piar da Industria 4.0. Isto é así porque a intelixencia artificial (IA) é unha das tecnoloxías emerxentes con maior potencial e xa está moi presente nas nosas rutinas, desde os sistemas de recomendación en compras en liña e en plataformas de streaming, á asistencia remota ou en moitos sistemas robóticos.

Este foco tamén coincide coa esencia do sector da economía social, que promove entidades e empresas nas que o modelo de negocio e as súas accións teñen como prioridade a mellora do benestar das súas persoas socias e traballadoras.

Na ECAI 2020, persoas de distintos países poderán presentar e debater sobre as investigacións máis recentes neste campo, así como sobre os últimos desenvolvementos e aplicacións. No programa inclúese unha ampla serie de talleres, recoñecidos relatores, titorías e a prestixiosa conferencia de Aplicacións de Sistemas Intelixentes (PAIS).

Oportunidade para as mulleres e os novos investigadores

En total, na ECAI 2020 realizaranse máis de 80 sesións científicas, 60 obradoiros, así como 4 charlas convidadas en Fronteiras na IA. Ademais, tamén terá lugar o encontro Mulleres na IA, que permitirá a interacción e networking entre mulleres expertas nesta tecnoloxía.

Este evento é tamén unha oportunidade para as persoas investigadoras principiantes en intelixencia artificial. Poderán asistir ao Consorcio Doutoral, a Feira de Emprego, (manter encontros con bolseiros da Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI nas súas siglas en inglés) e participar na novena edición do simposio STAIRS, pensado para persoas investigadoras que comezan neste campo.

Eventos sociais en liña

Aínda que a asistencia presencial en Santiago de Compostela terá que pospoñerse, a capital e toda Galicia serán protagonistas de seis eventos sociais en liña. Entre eles, farase unha mostra do Camiño de Santiago en intelixencia artificial, un repaso aos máis de 500 anos de coñecemento que achegou a Universidade de Santiago de Compostela á sociedade, algúns bocados virtuais da gastronomía galega ou un concerto de Carlos Núñez.

Na súa web pódense seguir todas as continuas novidades deste importante evento, que xa cambiou en numerosas ocasións de datas e adaptou o seu programa debido ás consecuencias da pandemia da covid-19 e que poderían mudar en función de novos acontecementos.