Tecnoloxía social: iniciativas e casos de éxito dunha ferramenta democratizadora

Tecnoloxía social: iniciativas e casos de éxito dunha ferramenta democratizadora

Nova 2

A tecnoloxía está por todas partes, desde o noso teléfono móbil ata os robots dunha cadea de montaxe. Porén, non toda a tecnoloxía é igual de accesible para todas as persoas nin para todas as empresas. Precisamente para chegar a persoas e empresas con menos recursos existe o que se denomina a tecnoloxía social.

É un concepto recente, que fai referencia a técnicas, procesos ou produtos que solucionan algún tipo de problema social e que atenden aos requisitos de simplicidade, baixo custo, fácil aplicabilidade e que teñan un impacto social contrastado.

Ademais, segundo indica o experto en estudos sociais da ciencia e da tecnoloxía, Renato Dagnino, a tecnoloxía social debe adaptarse a escalas pequenas e ser viable para empresas pequenas ou persoas emprendedoras.

Principais obxectivos

Entre as situacións que procura solucionar destacan algunhas das incluídas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Organización de Nacións Unidas (ONU). Entre elas atopamos a expansión do acceso á auga potable, combater a discriminación de persoas, construír cidades máis sustentables, garantir servizos de calidade en sanidade e educación ou coidar o medio ambiente.

Métodos e exemplos de tecnoloxías sociais

Agora ben, como se pode conseguir unha tecnoloxía social? A ONU, a través do seu Pacto Mundial e do informe elaborado pola asociación 2030Vision, destacou sete formas nas que a tecnoloxía pode contribuír a lograr os ODS e a Axenda 2030, que son os seguintes, cos seus respectivos exemplos.

Promover o acceso á información. É unha das principais vantaxes que trouxo a era dixital. Existen diferentes vías tecnolóxicas de promoción (Internet, plataformas web, aplicacións, etc.) e ten un impacto directo en todos os ODS. Por exemplo, a información sobre emprego, saúde (como estas do Sergas en Galicia), educación e servizos sociais pode ter un impacto significativo na redución da pobreza ou problemas de saúde.

Facilitar a análise e recolección de datos. É un reto que se pode estender a todos os ODS, xa que para garantir o seu cumprimento é preciso un tratamento avanzado de datos. Por exemplo, o big data pode axudar a toma de decisións estratéxicas na agricultura, anticipando problemas nas colleitas ou supervisando as explotacións para obter un maior rendemento, como o caso da aplicación galega Osigris. Isto repercute directamente en obxectivos como a redución da fame no mundo.

Favorecer a aparición de novos modelos de negocio. A aparición de Internet promoveu unha distribución máis equitativa dos recursos e a democratización das ferramentas de traballo. Isto fixo que nos últimos anos moitas organizacións naceran cun obxectivo de contribuír ao desenvolvemento sustentable grazas á utilización de tecnoloxías de última xeración. Un exemplo son as plataformas de uso compartido de coche (car sharing), que contribúen directamente ao ODS 11: cidades e comunidades sostibles.

Incrementar o financiamento mediante plataformas dixitais. O financiamento é clave para avanzar na Axenda 2030, e estímase que se debe dedicar un investimento mínimo de 2,5 billóns de euros anuais para conseguilo. Neste sentido, as plataformas de financiamento colectivo ou crowdsourcing e as plataformas de investimento socialmente responsable teñen o potencial de proporcionar novas fontes de financiamento a modelos de negocio sustentables, proxectos sociais ou iniciativas innovadoras que repercutan nalgún dos ODS, por exemplo os que procuran unha enerxía non contaminante ou unha industria sustentable. Un exemplo é a plataforma española La Bolsa Social, que incluso destaca con que ODS cumpre cada proxecto financiado.

Desenvolver novos modelos de realidade. Tanto a realidade virtual como a aumentada poden ser ferramentas moi útiles para a educación e a formación de persoas traballadoras. Por exemplo, crear experiencias de inmersión laboral para os estudantes pode axudar a tender unha ponte entre a escola e o lugar de traballo. Así mesmo, esta tecnoloxía pode contribuír á sensibilización de colectivos sobre situacións de inxustiza ou de extrema urxencia como a discriminación por xénero ou o cambio climático a través da simulación de situacións que sitúen ao suxeito no papel doutros individuos ou en escenarios que supoñan un desafío. A empresa galega Xoia achega exemplos do seu potencial na educación e divulgación en museos ou para formar a persoas traballadoras.

Ofrecer produtos e servizos adaptados. As empresas de tecnoloxía poden adaptar produtos e servizos para satisfacer as necesidades dos grupos vulnerables, reducindo desta forma as desigualdades. Por exemplo, mediante o deseño de aplicacións para persoas invidentes que faciliten a súa mobilidade pola cidade ou mediante wearables (tecnoloxía que se viste) para as persoas con diabetes que midan o nivel de glicosa en sangue.

Achegar solucións mediante a robótica, a impresión 3D e a intelixencia artificial. A precisión e versatilidade destas tecnoloxías permiten desenvolver diferentes técnicas de produción avanzadas para atender múltiples situacións. A robótica pode encargarse desde a reparación de maquinaria complexa ata a realización de operacións cirúrxicas. Pola súa banda, a impresión 3D repercute no aforro en material, evitando o desperdicio, así como o acceso a material de primeira necesidade en tempo real, como a produción de máscaras durante a pandemia do coronavirus Covid-19. A intelixencia artificial ten múltiples aplicacións, como as pulseiras intelixentes que miden o comportamento de cada persoa e achegan datos en tempo real sobre o estado físico. Así mesmo, a utilización de drons ten unha gran repercusión no coidado de ecosistemas terrestres, para tarefas de replantación de árbores e vexetación, especialmente nas áreas máis inaccesibles, así como na extinción de incendios. En Galicia hai exemplos de comunidades e entidades que poñen estas tecnoloxías a disposición de distintos públicos, como VermisLab.

Ademais dos exemplos sinalados, na XII edición de EmpoderaLIVE foron moitas as innovacións presentadas, entre as que destacaron incubadoras de baixo custo, próteses impresas en 3D ou aplicacións para aprender a ler.