Docuten, única empresa española que participa no proxecto Euroinv para promover a factura electrónica en Europa

Docuten, única empresa española que participa no proxecto Euroinv para promover a factura electrónica en Europa

Nova 2

A dixitalización avanza a todos os niveis. A gran maioría de empresas e entidades xa utilizan canles en liña para dotarse de maior visibilidade e atender a súa clientela ou audiencias. Precisamente a comunicación e o marketing son dous dos campos nos que a expansión dixital avanzou máis, pero hai outros nos que se progresa con paso firme, como a dixitalización de sinaturas e facturas.

Neste eido, unha empresa galega, Docuten, acumula unha ampla traxectoria. De feito, Docuten é a única empresa española que participa no proxecto Euroinv, impulsado pola Comisión Europea, e que ten como obxectivo promover a factura electrónica en Europa, sobre todo para facer transaccións transfronteirizas. Ademais, esta iniciativa reforza a estratexia de internacionalización da empresa galega, xa que lle permite prover servizos de facturación electrónica con validez en todo o espazo comunitario.

Máis de dez anos de traxectoria

Foi creada en 2009 por Brais Méndez e Ángel Aparicio, dous programadores informáticos que traballaban no ámbito da facturación electrónica e que consideraban que era necesario atopar novas solucións para que tanto a factura como a especificación da sinatura online foran máis fáciles de usar.

Durante os primeiros anos foi unha empresa máis centrada nos servizos, pero hai cinco anos mudou cara un enfoque de produto, centrado na súa plataforma, tamén denominada Docuten, a través da cal atenden a toda a súa clientela.

Dixitalización integral e automática

Docuten é experta en dixitalizar todo o fluxo de procedementos administrativos (máis popularmente coñecido como papelame) que se rexistra nunha empresa, especialmente nos procesos de sinatura, factura e pagamento. Aínda que xa máis da metade da facturas que se emiten en España son electrónicas, moitas delas envíanse en PDF que, como sinala Daniel Cerqueiro, responsable de marketing de Docuten, “é un documento que non reúne as características necesarias de usabilidade nin unha óptima indexación de datos nos sistemas de contabilidade”.

Equipo de Docuten na Coruña.

Desde Docuten traballan cun sistema que permite automatizar todo o proceso, aforrando tempo e cartos, sen necesidade de picar o texto das facturas recibidas en PDF. Segundo Cerqueiro, “o potencial de dixitalización deste tipo de procesos nas empresas é moi elevado, xa que apenas o 10% do volume de facturas é plenamente dixital e automático”.

Fenómenos como a pandemia da covid-19 incrementan a demanda do seu produto e servizos, unha tendencia que están constatando e que se corrobora na evolución favorable doutras empresas do seu sector, entre elas compañías cotizadas de dentro e fóra de España, que duplicaron recentemente o seu valor de mercado.

Tipo de empresas e sectores

Numerosas empresas, sobre todo de tamaño medio e grande, xa confían no equipo de Docuten, desde grandes grupos editoriais, como Grupo Planeta, ata entidades financeiras de referencia, como Abanca. Cerqueiro explica que “non é preciso ser unha multinacional ou unha grande empresa para traballar connosco, pero si contar cun mínimo volume de miles de documentos ao ano en sinatura e factura electrónica para que sexa rendible a súa activación e implementación”.

Aínda que o seu produto é transversal e pode ser utilizado por todo tipo de empresas, os sectores nos que se concentra o seu maior esforzo son o téxtil (fashion retail), construción e renting de vehículos. Isto é así porque neles acumulan un maior coñecemento sobre as súas necesidades.

Expansión internacional

Desde os seus inicios a compañía conta con sedes na Coruña e Madrid, cidades das que proceden os seus socios fundadores, se ben na cidade galega se concentran dous terzos do equipo e o terzo restante na capital española. 2019 marcou un fito na súa expansión pois, ademais de culminar unha rolda de financiamento por un millón e medio de euros, abriron sede internacional en Londres.

Equipo de Docuten en Madrid.

Aínda que se barallaron outras posibles sedes internacionais previas a Londres, como Portugal, a razón do seu asentamento en Reino Unido foi consecuencia da súa participación no programa Global Entrepreneur Programme do Goberno británico, que identifica startups con potencial innovador para atraelas e que se instalen no país, entre elas, Docuten.

O seu labor supón un paso máis na transformación dixital das empresas, que leva aparellado un cambio de mentalidade, dado que representa unha automatización de parte dos procesos que desenvolven milleiros de entidades en España. Pero tamén representa unha oportunidade para unha maior cohesión europea.